Castellano
| Galego
Charla "As mulleres como factor clave no desenvolvemento" na Casa da Cultura de Valdoviño, A Coruña.
Da charla de Valdoviño podo destacar moitas cousas, as marabillosas vistas que hai desde a Casa da Cultura, o agarimo da xente, a asistencia de 20 mulleres, a maioría da asociación de amas de casa, os nervios da primeira vez de Eva ou a paciencia de Ana co díscolo do móbil aceso.
Pero vou quedar coa intervención daquel home, que máis tarde se identificou como Concellal de Cultura, na que nos rifou, si, claramente rifounos; moi educadamente iso si, coa diplomacia dun político que se sinte seguro a medias, pero fíxoo. "Aquí o que falta son homes" dixo contundente, "de pouco vale que vos xuntedes todas e digades que hai que facer e que hai que ser e que isto e o outro se despois chegades a casa e el vos di que lle fagades a cea. El tamén ten que vir para saber que é o que ten que cambiar".
E aínda que estou segura de que vale moito o que nos xuntemos, nos reforcemos, escoitemos e apoiemos entre nós, o que é evidente non se pode negar, e é que os homes teñen que implicarse.
Porque o interesante non é a súa afirmación, é algo que xa sabemos e que moitas sofreron nas súas carnes, non fai falta que veña un político a contárnolo; o importarnte e o bonito é que el estaba alí para dicilo, non no sofá vendo a tele.
El estaba na charla que deron as nosas compañeiras atendendo e participando; e, como cos políticos unha nunca sabe, falarei del como do home que deu un paseo ata a Casa da Cultura unha fría e soleada tarde de sábado para escoitar a dúas mulleres.
Raquel Couto
Axuda en Acción |